Xosé Romero Suárez

>A vida de gaiteiro

xos-1.jpgXosé Romero Suárez nace en Rianxo no ano 1930. Con cinco anos mostra o seu interese pola gaita e fai unha de cana con fol de vexiga de porco, conseguindo que saia sonido. Seu pai, vendo o interese, cómpralle unha na casa "Poceiros" de Pontevedra.

Con dez anos, decide formar un grupo que leva por nome "Aires da nosa terra" e conta con catro compoñentes:

Xosé Romero, gaita
Ramón Carou, gaita
Alfonso Romero, bombo
Vicente Carou, tambor

A súa duración chegará ao 1950 ano en que Xosé ten que facer o "servizo militar".

No 1952 volve recompoñer o grupo e cámbialle o nome por "Os Rosales"

Xosé Romero, gaita
Francisco Iglesias, gaita
Alfonso Romero, bombo
Che Novoa, tambor

Esta formación permanece ata o 1962 con Xosé e Alfonso estables pero vai cambiando os outros dous membros a cada pouco por diferentes razóns (emigración, navegación, servizo militar, etc). Neste ano, Alfonso sofre un pequeno accidente ao caer do palco en Escarabote, e escorda un brazo. Ante a necesidade de cumprir cos compromisos que aínda lles quedaban e non encontrando substituto por ningures, é o momento no que entra no grupo a dona de Xosé, Maruxa Miguéns, que xa prestaba apoio nos ensaios. O grupo queda formado deste xeito por:

Xosé Romero, gaita
Tomás de Bexo, gaita
Maruxa Miguéns, bombo e canto
Eloi Franco, tambor

O grupo, que xa tiña pezas de canto dende os seus comezos, adoita unha nova imaxe con Maruxa. Ela presenta e fai as reseñas de cada un dos temas que interpretan.

No ano seguinte, 1963, incorporan ao seu primeiro fillo Pepe Romero, de seis anos, pois xa tocaba dúas pezas na gaita. No 1966 incorpórase definitivamente no grupo facéndose cargo do tambor.

No 1972 entra tamén a formar parte o segundo fillo Mario Romero, que toca a gaita e no 1983 a filla Sandra Romero, igualmente tocando a gaita.

O grupo continuará ata o ano 2003, no que deciden parar.

xos-2.jpg>Formador e mestre

 Década dos 80

> Centro Cultural "Simón Varela"-Asados

No ano 1982 empeza a súa andadura de mestre e formador de gaiteiros. Como non, este comenzo faise no Centro Cultural "Simón Varela" de Asados. Este traballo ocupa un período de quince anos e chega ter unha banda con 32 compoñentes.

> Casa da Cultura de Muros

Tamén desempeña aquí o seu labor de formación conseguindo facer unha banda que levará o nome de "Banda Relinga de Muros". A súa dona, Maruxa Miguéns, encárgase de ensinar a percusión

Década dos 90

> Centro Cultural de Isorna

No Centro Cultural "Faustino Rey Romero" e no local da antiga escola da República crea un grupo que levará o nome "Ollando as Cercas" pois dende o local pódese ver o mente chamado "As Cercas". Tamén, coma en Muros, está Maruxa ao frente da percusión.

> Lamela-Bandeira

Forma aqui un grupo de persoas maiores co nome "Carqueixas" .Xosé encárgase dos gaiteiros e Maruxa da percusión

> Taragoña-Rianxo

En Taragoña foi mestre do grupo "The crazy Ches". Formado por adultos, nunha primeira etapa solamente con gaiteiros, incorpora a presenza das mulleres, para cantar e tocar a pandeireta, ensaiadas e dirixidas por Maruxa.

 

>Disco: "Fol de feitizo redentor"

xos_3.pngEste disco recolle as pezas máis significaticas de Xose Romero. ideado, creado, grabado, mezclado, masterizado e deseñado por Milo Romero, foi publicado no ano 2011 por "TRADIS TUDIOS".

Manuel Dourado Deira fixo o texto de presentación: "Con este poético título, o presente rexistro pretende ser a OBRA CUMIO de Xosé Romero Suárez. Digo pretende, porque, coñecendo a este gaiteiro excepcional, máis ben creo que é unha desas persoas que vai ter a gáita pegada ao peito como formando parte moi intima de si mesmo, segundo as súas propias palabras, ata a viaxe definitiva. Dende aquel día, xa lonxano, no que se lle ocorreu facer a primeira gaiturra nun simple tutelo de cana, pasando pola primeira e rudimentaria gaita con fol de vexiga de bacoriño, ata hoxe que, xa con anos, ten gaitas de categoría e en varias tonalidades, pasou un tempiño, tanto para a persoa como para a súa arte que. nunha constante ascensión, foi medrando en experiencia e fama ata alcanzar a categoria de maxistral e celebridade intemacion. E iso xustifica o título do presente disco: FOL DE FEITIZO REDENTOR. Intentarei dar unha explicación do seu posible significado:

FOL: Alento,alma,espírito impulsor. O fol é o outro alterego de Pepe Romero. En máis dunha ocasión escoiteille: '0 fol da gaita, cando a toco, está pegado a min, coma formando parte de min mesmo. Non como ocorre con outros instrumentos que están separados como alleos, a quen os toca'. De aí, a íntima identificación de gaita e gaiteiro, que leva a sublimar a arte da interpretación nunha harmoniosa identificación entre intérprete e música, que podemos cualificar de case mística. Para comprobalo, non hai máis que observar a Pepe cando toca. A lóxica consecuencia desta identificación é o engaiolante pasmo que provoca na audiencia que ten o privilexio de disfrutar as sonoridades musicais que emiten

FEITIZO. De todo o dito, despréndese con toda lóxica, que ese pasmo, esa fascinación da audiencia é coma un FEITIZO que encanta, seduce, eleva o espírito de quen o escoita. Mesmo semella que, en Romero, se cumpre o mito de Orfeo ante cuxa melodía o reverenciaban ata os animais e as árbores do bosque, inclinándose ao eu paso para renderlle unha gozosa pleitesía. Esta alegoría, aínda que pareza excesiva quere dar idea da realidade da arte de Xosé Romero, que, na súa orixinalidade, sae do cómun de tantos bos gaiteiros como no mundo existen. E esa singularidade de Romero non se cingue só á interpretación, senón que abrangue tamén a composición de todo un amplo repertorio propio, sempre dentro das máis puras esencias da tradición musical de Galicia."

REDENTOR Como consecuencia do dito, e por fortuna para Galicia e o seu mais auténtico folclore popular, houbo e hai moitos famosos e incluso célebres gaiteiros en Galicia e polo mundo adiante; pero Romero posúe unha orixinalidade creativa e interpretativa que purifican a súa arte de calquera tipo de vulgaridade folclórica elevando a música popular a un nivel exemplar; é dicir, propio de mestres que crean escola. Xustamente por iso, ese fol REDENTOR, redime a arte da gaita e a música folk galega en xeral, de calquera sombra de vulgar trivialidade. Por iso reitero, creou escola, empezando polos seus propios fillos, que con seu pai formaron o grupo Os Rosales, un dos máis empastados de Galicia, ata que cada un foi formando o seu propio grupo coa correspondente escola de gaitas a base da arte singular de cada un.

Pero Romero, nos seus propios comezos, non podía formar grupo só, evidentemente. A súa muller, Maruxa Miguéns, constituiu o complemento indispensable da súa arte. Comezou tocando o bombo, tambor, pandeiro e pandeireta. Logo ampliou o percusionismo a outra clase de trebellos, como as castañolas, os plitroques, etc. Pero o máis importante das súas achegas foi a súa propia voz de tiple ben temperada, a súa arte na interpretación atendendo non só á voz, senón acompañándoa con toda a graza do seu xesto facial e corporal. E, ademais, algo que foi trascendental para a fama do grupo: compoñía todas as súas letras, adaptando e recreando todas as mellores cantigas da tradición popular.

A actuación desta señora, naqueles tempos en que a muller só se concebía como serva dos labores domésticos, chegou incluso, a causar certo escándalo nas pusilánimes sensibilidades machistas de entón. Pero, Maruxa, muller non só fisicamente agraciada, senón tamén moi intelixente e de carácter, soportou os primeiros embates da malidicencia con dignidade, e chegou a superalos mediante a súa graza interpretativa. Así pois, venceu porque convenceu artísticamente e abreu un novo camiño ás posibilidades da muller no campo da interpretación deste e doutros tipos de música. Hoxe, grazas a ela, hai mulleres gaiteiras e xeniais intérpretes nesta parcela musical, comenzando polas súas propias fillas. Pero Maruxa Miguéns merece un capítulo aparte.

M. Dourado Deira    Rianxo, xullo de 2010

FOTOS

PARTITURAS

Vídeo: No bar "A Lareira" para a TVG

VIDEO_ROSALES.png

        EDDLG_principal_blanco.png  ANAGRAMA-2017-sin_borde100.png

Rúa: Ana María Mogas, s/n, Rianxiño, 15920 Rianxo
Teléfono. 981843700
Correo: enl.felixmuriel@gmail.com
b.pngBico da Ría    1373-t-castelo.png Castelo da lúa
YOUTUBE.png              F.png          t.png

2018 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos