Taragoña, 2 agosto 1904 - 7 xaneiro 1934
Escritor vinculado á literatura galega de comezos do século XX, na etapa dos novecentistas ou vangardistas. Nace o 2 de agosto de 1904 na parroquia rianxeira de Taragoña. O pai, tenente na Guerra de Cuba, foi a influenza decisiva na formación intelectual de Xosé María, quen aos 16 anos decide alistarse voluntario no Exército, coa idea de facer a carreira militar. En Santiago simultanea o cuartel cos estudos de Maxisterio. A guerra de África, coa derrota de Annual (1921), fai que deba partir cun batallón expedicionario hacia territorio marroquí. Vai ser aquí onde coñece a Rafael Dieste e onde agroma a inspiración literaria, chegando a editar unha revista literaria, Charamuscas. Retorna en 1924 e de contado comeza o traballo de mestre na escola do Pósito de Pescadores, ao tempo que cultiva a música, o debuxo e a creación literaria. Unha doenza pulmonar vai marcar traxicamente os seus anos de mocidade, falecendo o 7 de xaneiro de 1934.
Non chegou a publicar ningún libro en vida e permaneceu esquecido ata os anos 50 en que outro creador rianxeiro, Faustino Rey Romero, o dá a coñecer. Destrúe a meirande parte da creación literaria nos momentos máis depresivos da doenza, velaí que os poemas e relatos en prosa se conserven fragmentarios e con grandes dificultades de datación. Malia o dito, coñecemos os títulos dos seus poemarios: Poemiñas, Arumes de beiramar, Responsos líricos no día e na noite e Caraveleira das horas sentidas: libro da cantiga descoñecida.
Evoluciona dende a pegada rosaliana ata o animismo de Amado Carballo, pasando polo modernismo e o vangardismo manuelantoniano. É a súa a poesía da paisaxe chea de vida, e por ela desfilan os ambientes das romarías, o mar cos barcos e os mariñeiros, a lúa e a noite, a flora e fauna de beiramar, o vento e a chuvia, o fogar co lume na lareira e a ausencia da muller, motivo da queixa amorosa.